29.4.22

O Maio

Este domingo damos a benvida ó mes de maio, mes asociado a arraigadas tradicións na cultura galega. A máis popular é a dos Maios, unha festa popular de orixe ancestral. Esta celebración primaveral adoita celebrarse o 1 de maio. Tiña antigamente connotacións rituais a deuses da primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo. 

 Os Maios

(Imaxe tomada de: www.turismodegalicia.org)

As antigas civilizacións prerromanas, como a celta, celebrarban a festividade de Beltane, que marcaba o inicio do verán pastoral cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e as terras de pasto das montañas. De aí a adoración dos fenómenos terrenais: terra, mar e aire. Unha das principais actividades da festividade consistía rituais como acender fachos nas montañas e outeiros. Os romanos tamén asimilaron esta tradición en honra da chegada da primavera e das primeiras flores do ano.

Esta tradición sufriu variacións co paso do tempo e das diferentes culturas. O cristianismo convertiu multitude de festas pagás en festas relixiosas, sendo este un claro exemplo: a maioría destas pasaron a ser festas en honra á Virxe María.

A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio. Grupos de xente cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. Era habitual pedir aos asistentes un aguinaldo que, por Lugo e Ourense, adoitaba consistir nunha presada de castañas maiolas (castañas secas), noces ou abelás.

Probablemente se relacione con estas festas o costume de colocar pólas de xesta nas portas da casa, nas ventás, nos carros, leiras e barcas, e actualmente nos coches, na tarde-noite do último día de abril, para que o mes de maio protexa a casa, a xente que vive nela e as súas propiedades.

 Os Maios 

(Imaxe tomada de: www.turismodegalicia.org)

 

Este ano ademais non podemos esquecer  o poema "Aí vén o maio", que é un dos poemas que Florencio Delgado Gurriarán, protagonista do Día das Letras Galegas 2022, incluíu no seu primeiro libro, 'Bebedeira' (1934). Neste vídeo seis alumnas e alumnos do CEIP Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) interpretan o poema (pinchade na imaxe para ver o vídeo).

 

Este é o poema completo:

Ahí ven o Maio. Florencio M. Delgado Gurriarán

Ahí ven o Maio pola porta do xardín,
ahí ven o maio de enterrar ao pai Abril,
(O Maio garrido cansiño de chorar,
enxoitou o seu pranto con panos de luar).

Ahí ven o Maio pola porta da campía
ahí ven o maio, galán da cotovía,
(O Maio garrido tiña un cambai brunedo,
o sol espafarrapóullo côs seus dourados dedos).

Ahí ven o Maio pola porta da debesa,
ahí ven o Maio côs seus brincos de cireixas.
(O Maio garrido anda a bebelos ventos
pola terra, rapaza de doces arrecendos).

Ahí ven o Maio pola porta do soutelo,
ahí ven o Maio có seu colete amarelo.
(O Maio garrido, nos intres de vagar,
có mestre rouxinol adeprende a cantar.

Ahí ven o Maio pola porta do valado,
ahí ven o Maio cô seu traxiño branco.
(O Maio garrido, para saudar o vran,
pon luvas de etiqueta  con frores de S. Xoán).

Ahí ven o Maio. ¡Ábrelle as portas, moza,
que trai, por gorentarte, caraveles e rosas!

Alí ven o Maio,
Maíño, Maiolo;
na verde camisa
botois de amerodos;
monteira frorida,
a roupa das festas;
e un caraveliño
por riba da orella;
pieites de silveiras
pieitanlle o cabelo,
anda a namorare
coma un mozo cedo.

Delgado Gurriarán, Florencio M. (1981) Cantarenas. Poemas, 1934 - 1980  (Bebedeira, Valdeorresas, Dionisias) (A Coruña: Edicións do Castro)

22.4.22

Día do libro

Como xa sabedes, o 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. É unha conmemoración celebrada cada 23 de abril a nivel mundial co obxectivo de fomentar a lectura, a industria editorial e a proteción da propiedade intelectual. 

 

Desde 1988, é unha celebración internacional promovida pola UNESCO. O 15 de xuño de 1989 iniciouse en varios países, e en 2010 a celebración xa alcanzara máis de cen.

Trátase dun día simbólico para a literatura mundial, xa que ese día, en 1616, faleceron Cervantes, Garcilaso de la Vega e Shakespeare.

 Frase de Miguel de Cervantes Saavedra - Leer

Pola nosa parte non queremos deixar de recordar esta data e seguir animándovos a ler e a visitar o blog da nosa biblioteca que coma sempre, está cheo de interesantes recomendacións.

 

 


20.4.22

Xoga en galego - Concello de Vigo

O Concello de Vigo, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza o primeiro certame do Concello de Vigo de creación de xogos de mesa en galego para público infantil e familiar "Xoga en galego".

Tedes a información no seguinte enlace, animádevos a participar!