10.4.24

CERTAME LITERARIO DO CEIP PL. O POMBAL


O CEIP Plurilingüe O Pombal organiza o I Certame Literario das Letras Galegas para conmemorar esta importante data para a nosa cultura.

Haberá unha categoría infantil para o alumnado do centro e outra categoría adulta para familiares do alumnado.
Como pretendemos acadar unha alta participación existe total liberdade no tocante á temática, ao formato (manuscrito, mecanografado, ilustrado ou non...), ao xénero escollido (poesía, relato, conto, cómic...). A única condición obrigatoria é que sexa un texto orixinal escrito en galego, pois é a festa da nosa lingua!

Os traballos poden entregarse ás persoas titoras ata o día 13 de maio. Se tedes dúbidas podedes preguntalas aquí.

Animádevos a participar e deixade que voe a imaxinación!



BASES:

  • As persoas participantes deben ser alumnas ou alumnos do CEIP Plurilingüe O Pombal ou familiares. 
  • Os traballos presentados deben ser orixinais ou serán descartados e poden ser individuais (un alumn@) ou colectivos (parellas ou grupos).
  • As obras deben ser textos escritos redactados en lingua galega. 
  • Temática, formato, extensión e xénero libres. 
  • Haberá dúas categorías: infantil, para alumnado de Primaria, e adulta, para familiares de Infantil e Primaria).
  • O xurado está formado por mestras e mestres do centro. 
  • Outogaranse premios relacionados coas Letras Galegas. 
  • Os traballos serán entregados á persoa titora antes do 13 de maio.


8.4.24

CONCURSO DE RELATOS DO MUSEO LISTE

O museo Liste-Etnográfico de Vigo ten aberta ata o día 23 de abril a participación no XII Concurso de Relatos  2024 para conmemorar o Día das Letras Galegas.

Premendo na imaxe descárganse as bases.



1.3.24

CERTAME DE POESIA "FRANCISCO AÑÓN"

O Concello de Outes convoca o XXVII Certame Francisco Añón de Poesía que ten de prazo de recepción de obras ata o luns  1 de abril de 2024.

Poderán participar todas as persoas interesadas de calquera nacionalidade que presenten textos orixinais escritos en Lingua Galega e non premiados anteriormente.

Establece diferentes categorías e premios:

Categoría A: de 6 a 7 anos.

1º clasificado/a: vale de 150 € en libros e publicación da obra.

Categoría B: de 8 a 9 anos.
1º clasificado/a: vale de 180 € en libros e publicación da obra.

Categoría C: de 10 a 11 anos.
1º clasificado/a: vale de 210 € en libros e publicación da obra .

Categoría D: de 12 a 14 anos.
1º clasificado/a: vale de 240 € en libros e publicación da obra.

Categoría E: de 15 a 17 anos.
1º clasificado/a: transferencia bancaria por valor de 480 € e publicación da obra.

Categoría F: maiores de 18 anos.
1º clasificado/a: transferencia bancaria por valor de 1500 € e publicación da obra .

As persoas interesadas poden consultar toda a información e as basesdo concurso na web do Concello de Outes, entidade organizadora.

27.2.24

DÍA DE ROSALÍA 2024

Como é habitual no CEIP Plurilingüe O Pombal conmemoramos o Día de Rosalía, unha figura histórica e emblemática para Galicia, a súa lingua e as súas xentes. 

Cada curso fixo diferentes actividades adaptadas ao seu nivel, das que poñemos unha breve escolma. 

DECORACIÓN DE ESPAZOS COMÚNS

Algúns cursos adornaron os corredores e zonas comúns con retratos, poemas e maletas, xa que as viaxes son o proxecto de centro deste ano, ligando incluso a poesía coa emigración, un tema fundamental na historia de Galicia.

LIBROS, POEMAS, CALIGRAMAS E XOGOS

Noutros cursos traballaron poemas e caligramas a ata inventaron un xogo de preguntas e respostas moi interesante desta insigne escritora.

PROGRAMA NA RADIO ESCOLAR

Gravouse un podcast para a Radio Escolar, que podedes escoitar na sección da Biblioteca dedicada á radio.

VISITA VIRTUAL Á SÚA CASA-MUSEO 

Aproveitando as vantaxes das novas tecnoloxías visitouse a súa casa-museo sen necesidade de trasladarnos presencialmente a Padrón. Podedes facer a visita premendo aquí.


2.2.24

ENTROIDO 2024

O CEIP Plurilingüe O Pombal comeza a preparar o Entroido, unha das festas galegas máis celebradas no noso país e en todo o mundo!

O Entroido deste curso xirará arredor do tema do proxecto de centro deste curso: as viaxes, e culminará co tradicional pasarrúas polo Calvario o venres 9. Pero antes...

Antes de desfilar debemos cumprir as ordes do Meco para esta semana que comezan o luns. Prepárense!

Para saber máis do Entroido recomendavos escoitar no blog da Biblio o podcast que algúns rapaces e rapazas de 6º gravaron na Radio Escolar. 

Velaquí o tríptico informativo que o alumnado levou hoxe a casa, no que detallamos a información para esta semana tan especial. Se queredes podedes descargalo en PDF.


Para rematar, queremos agradecer a colaboración das familias e do equipo docente para que todas e todos poidamos gozar desta festa tan nosa e tan divertida.

COMEZA O ENTROIDO 2024 NO POMBAL!





24.1.24

UXÍA VISITA O POMBAL

 

O martes 30 de xaneiro teremos o pracer de ver e escoitar á importante cantante galega Uxía.
Visitará o CEIP Plurilingüe O Pombal para dar nome á aula de Música e posteriormente ofrecer unha actuación para todo o alumnado do colexio. Estamos moi ilusionados/as!

A IMPORTANCIA DE UXÍA  NA CULTURA GALEGA

Uxía é unha das cantantes galegas con máis proxección internacional e que contribuíu á divulgación da poesía popular e ao cancioneiro galaico-portugués.
Un dos discos que marcaron a súa carreira foi Estou vivindo no ceo, editado en Europa, EE.UU e Canadá e recoñecido pola crítica europea como un dos mellores álbums do ano 1995.
O seu interese por achegar as novas xeracións á música en galego levouna a xestar e producir importantes proxectos dirixidos ao público familiar, entre eles os seus discos en colaboración con Magín Blanco e o grupo María Fumaça, un proxecto que aposta pola alegría de vivir e a integración.

 

UNHA ARTISTA MOI ACTIVA

Uxía colaborou activamente en medios de comunicación escritos, na televisión e especialmente na radio pois foi crítica musical para o programa Diario cultural, dirixido por Ana Romaní na Radio Galega.

Tamén colabora con PONTE…NAS ONDAS! Unha Asociación Cultural e Pedagóxica que desde 1995 realiza actividades educativas e culturais en Galicia e no Norte de Portugal.

Compuxo e interveu na banda sonora orixinal de proxectos audiovisuais. Foi nominada aos Premios Goya 2017 por interpretar Muerte na película “Frágil Equilibrio”.

Promoveu a creación de grupos de cantareiras, como Malvela e Cantareiras do Berbés Participou en numerosas experiencias musicais con grandes artistas; Tito Paris, Jessie Norman, Dulce Pontes, Joao Afonso ou Chico César.

Directora artística durante anos de Cantos na Maré, festival Internacional da Lusofonía, que rende unha homenaxe ao mar. Lugar de encontro de artistas, letristas, músicos, poetas e escritores galegos, unidos polos sentimentos e valores culturais do universo galego-portugués.

PREMIOS E RECOÑECEMENTOS

Uxía recibiu importantes recoñecementos, entre os que destacan:
  • Premio da Crítica Galicia 2016 na modalidade de música. O xurado destacou de Uxía “a súa condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía e de divulgadora da poesía galega, especialmente no eido infantil”.
  • Premio Rebulir da Cultura Galega 2017, como recoñecemento a súa traxectoria persoal e profesional na difusion e posta en valor da música galega.
  • Premio MIN dá Música Independente 2018" ao Mellor Álbum en galego por UXIA-O 

DENTRO MÚSICA!

Velaquí unha escolma dalgunhas fermosas cancións de Uxía.












31.10.23

SAMAÍN 2023

Hoxe é Samaín, a festa coa que os celtas celebraban o final do verán e o comezo do inverno, o noso fin de ano.

Os maiores do colexio, 6º de Infantil e 6º de Primaria, representaron ao Pombal levando as cabazas de cada clase ao Mercado do barrio, onde había un  posto habilitado pola Asociación de Veciños do Calvario. Velaquí un breve vídeo:

O alumnado do CEIP de Barouta explica a orixe desta celebración con este fantástico  vídeo. 

E se queredes saber como o Samaín deu paso ao americano Halloween mirade este divertidísimo vídeo.


15.9.23

BENVIDAS A UNHA NOVA VIAXE!


Esta semana O Pombal volveu encherse de rapazada que con apertas, saúdos e anécdotas se reecontraba e coñecía novos compañeiros/as, coa ledicia típica do máis prezado que temos como sociedade: os vosos fillos e fillas.

O profesorado agradecémosvos a confianza de poder acompañarvos nesta viaxe que é a escola, e que vai desde a infancia á adolescencia. Precisamente traballaremos no proxecto de centro deste curso as viaxes, e que chamamos "POMBALEIROS/AS POLO MUNDO".

Déixamosvos un vídeo con algunhas imaxes da decoración do cole. Se as familias queredes achegar algunha cousa relacionada  coas viaxes facédeo a través da persoa titora e engadirémola con moito gusto.

Benvidas, familias, ao novo curso 2023/24!
Preparadas para a viaxe ?

Despegamos!!!





11.9.23

CALENDARIO ESCOLAR 23/24

 Prema na imaxe para descargar o calendario deste curso 2023/24 onde xa aparecen os días non lectivos e as vacacións.





17.5.23

CELEBRACIÓN LETRAS GALEGAS 2023

Éranse uns trasnos que pretendían que o galego desaparecera
e un cole que usaba a lingua galega para que non se perdera..


O Cole Pombal de Vigo promovía o galego para que o idioma seguira vivo malia os trasnos que querían velo desparecido.

Fonte: Faro de Vigo

Celebraban o Día das Letras Galegas polo libro de Rosalía,
que volveu facer do galego unha lingua viva.  

Preme para ler "Cantares Gallegos"
Para que os trasnos non puideran co galego rematar,
no Pombal o Día das Letras Galegas comezaron a preparar.

Este ano lémbrase a Francisco Fernández del Riego,
quen fundou Editorial Galaxia e fixo moito polo galego.

Profesorado e alumnado crearon un precioso mural
comparando a Fernández del Riego co que fan no Pombal.

Preme para abrir o collage

As clases fixeron investigacións e exposicións,

Ata un experto , Ramón Nicolás, viu ao cole facer unha presentación,

culminando no patio con brillantes actuacións.
Dúas compañeiras de 4º

A mestra Angélica presenta a celebración no patio

Alumnado de 6º actuando


Para salvar o galego dos trasnos outro ano,
organizouse no Pombal un gran meigallo:
unha gran foliada no patio para os trasnos espantar
e da música galega poder gozar
que nos vídeos de abaixo podes visualizar!













9.5.23

MATERIAL PARA AS LETRAS GALEGAS 2023

Este ano a Real Academia Galega escolleu a Francisco Fernández del Riego como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, unha figura moi activa a prol da lingua e do país que fundou a Editorial Galaxia.

A RAG editou unha serie de vídeos coa súa biografía que podedes visitar premendo a imaxe. 



Como é habitual, tamén o Seminario Galán oferta unha escolma de actividades variadas e divertidas que podes visitar premendo na imaxe.



8.5.23

CELEBRAMOS OS MAIOS 2023!


Neste mes de maio toda Galicia celebra a festividade dos Maios, que data de tempos prerromanos e coa que se conmemora a chegada da primavera. Tradicionalmente pídense boas colleitas adornando as 
vilas con estruturas florais e organizando romarías e bailes populares.

No Pombal sumámonos a esta celebración como podedes ver nas imaxes inferiores. Se queredes máis información sobre as celebracións en Vigo, que se organizan este domingo 14 de maio, velaquí a nova do Atlántico Diario.










4.5.23

O GALEGO ESTIVO PRESENTE NOS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Por iniciativa da Biblioteca, no Pombal recuperamos a tradición de festexar o Día do Libro coa actividade dos "Apadriñamentos lectores", consistente en que a rapazada maior prepare e lea un libro a un dos cativos/as do centro.

Son moitos os valores que sementamos así, como o fomento da lectura, o sentido de pertenza á comunidade e, sobre todo, o exercicio da responsabilidade das madriñas e padriños.

Houbo lecturas para todos os gustos: contos clásicos, cómics, de aventuras, de princesas e tamén houbo lecturas en galego, das que deixamos unha mostra. Proximamente haberá máis fotos no blog da Biblio.

Parabéns a todo o alumnado e profesorado polo éxito da actividade!